Friday 03 de May de 2024

Lete pon en exemplo ao remeiro Cosme Sampedro para concienciar da importancia do deporte na vida na presentación do Torneo de Fútbol Base de Ribeira


_O torneo contará coa participación de máis dun milleiro de nenos e nenas ao longo da fin de semana repartidos en 53 equipos autonómicos, nacionais e mesmo internacionais -Braga, Benfica e Porto de Portugal, así como o ESBF Bouafle Academy francés-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe a sexta edición do Torneo Internacional de Fútbol Base Congalsa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e que, nesta ocasión, muda de localidade para trasladarse a Ribeira o vindeiro 20 e 21 de maio no que será “un dos mellores torneos primaverais do deporte galego”.

O torneo contará coa participación de máis dun milleiro de nenos e nenas ao longo da fin de semana repartidos en 53 equipos autonómicos, nacionais -Betis, Villarreal, Atlético de Madrid, Zaragoza e Club Deportivo Parquesol- e mesmo internacionais -Braga, Benfica e Porto de Portugal, así como o ESBF Bouafle Academy francés-.

Lete Lasa gabou o labor de Julio Mariño, impulsor do torneo, que dende hai un lustro destina boa parte dos ingresos recadados á Fundación Aladina, que traballa en labores de coidado e acompañamento a nenos enfermos de cancro durante todo o proceso da enfermidade. Neste sentido, o mandatario galego lembrou o caso mediático do remeiro de Cabo da Cruz, Cosme Sampedro, que antes de iniciar a tempada 2022 foi diagnosticado cun linfoma de Hodgkin e que tras o tratamento, a dieta, a actividade deportiva e a súa disciplina está a piques de regresar aos adestramentos co seu equipo. Neste sentido, o secretario xeral para o Deporte subliñou “a importancia do deporte e dunha actitude positiva na vida, como un valor que hai que transmitir aos máis pequenos”.

O secretario xeral tivo palabras de agradecemento tamén para o Concello de Ribeira e para os principais patrocinadores como Congalsa ou Carregal, así como a importancia dun torneo que ano tras ano, aumenta a súa contribución á Fundación Aladina.